Sira e o Robot III: On Fire! de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, con ilustracións de Iván Sende, e interpretado baixo a dirección do dramaturgo Roi Vidal é a terceira entrega do musical futurista Sira e o robot, proxecto único no mundo no que conviven en harmonía galego e inglés.
A obra que che propoñemos adquirir consta dun libro ilustrado de máis de 110 páxinas e con acceso a 20 pistas de audio hi-fi de máis de 50 minutos no que se interpretan o audioteatro e as 9 cancións que contén a historia!
Tanto as cancións como os propios diálogos son especiais: ofrecen unha linguaxe híbrida, con un freeflow entre o inglés e o galego. Esta fusión pode ser ou moi didáctica ou simplemente pegadiza, interesante e divertida dependendo do nivel de inglés que teñas.
Si, é raro, pero no 2050, na vida cotiá de Sira, o galego e o inglés son linguas co-oficiais en The New Galicia. Poderíase chamarlle galinglego a esa fusión, pero é simplemente diglósia de toda a vida.
Podes escoitar Curious Girl a continuación, ou consultar os tres discos e ilustracións na nosa páxina de Bandcamp ao final desta páxina:
Sobre as recompensas
A recompensa máis interesante que podemos ofrecer é a terceira entrega da serie, Sira e o robot: On Fire!
A continuación, pódese ler un pouquiño sobre a historia, pero como é un misterio non procede desvelar demasiado ho! Como todos as aventuras nesta serie esta opera pop futurista conta tamén cunha guía de lectura con ligazóns e un glosario de toda a terminoloxía que aparece en linguas estranxeiras.
A maiores disto ofrecemos moitos packs con camisetas, bolsiñas de tela, poesías incríbles lidas polo William, oportunidades para incluir a túa voz na seguinte aventura, mini-concertos, cancións feitas especialmente para as mecenas e moito máis!
Argumento da historia
Un misterioso profesor de guitarra eléctrica, Li-ho Eye, chega á cidade de Mega-Metrópole. O ceo comeza a escurecerse por causa dos habituais incendios anuais, que en principio non preocupan a ninguén pero van en aumento.
Desde a súa cloudhouse, Sira e William intuirán o perigo inminente que se aveciña. Ao tempo, and with a little help from their friends, descubrirán quen é verdadeiramente Li-ho Eye e o poder máxico que se agocha detrás dunha antiga canción e das ondas sonoras das guitarras eléctricas.
Nesta nova entrega o suspense, o humor e a acción irán, coma sempre, acompañadas da música do futuro, interpretada polas estrelas máis talentosas do ano 2050. Non perdas esta divertida e inesquecible historia da saga de Sira e o robot!
Eis aquí as primeiras páxinas e índice desta obra mestra:
E as primeiras páxinas da súa guía didáctica:
Sobre nós
Sira o robot comezou no ano 2014 como un proxecto músical, poético e artístico, e ía medrando coa presenza de máis xente engadindo ás súas voces, espectáculos en vivo, mini-concertos, e talleres.
Pódese concebir como unha forma lúdica de aproximarse aos idiomas, sobre todo o inglés -pero tamén o galego porque aquí se xoga moito coa tradución e a lingua galega en xeral-. Pero sobre todo é un xogo que da pé as cancións, con humor e reflexión entre elas.
Decidimos ambientalo serie no futuro para poder reflexionar sobre o mundo que está a vir e tamén para poder compoñer naves espaciais, locutar as viaxes no tempo, ilustrar o cambio climático e idear xeitos innovadores de combater o lume!
Mark Alan Wiersma, Vista (1976). Licenciado en Ciencias Políticas pola University of California, Santa Barbara (Estados Unidos), é doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade traballa como músico, profesor e tradutor.
Miguel Mosqueira, Lalín (1982). Licenciado en Filoloxía Románica e Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, ten un posgrao en Didáctica de Linguas Estranxeiras pola Universidade de Barcelona e un mestrado en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega. É profesor titular de galego no ensino secundario. Forma parte do grupo musical Ataque Escampe, premio Martín Codax da Música 2014, na categoría de pop.
A que destinaremos as vosas achegas
O noso propósito é básicamente facer que o proxecto continúe. Para iso temos que pagar a imprenta polas copias de On Fire! para que poidamos comezar coa produción dos seguinte libros da serie.
95% dos cartos van destinado a Imprenta Garabal, a empresa con quen adoitamos traballar. O resto é para camisetas e bolsas, e gastos de envío.
Así de simple é o asunto. Temos uns libros para vender, e nos gustaría que a nosa poética chegase a canta máis xente posible xa que se fixo con moitísimo cariño e intencionalidade. Cremos que che poida gustar moito!
Calendario previsto
As recompensas entregaránse para setembro. Logo esas mecenas que participan tamén recibirán 4 meses máis tarde o noso 4º traballo de S&R, que terá título en canto ao Miguel lle veña un refacho de brillantez inspiradora :-), pero as cancións xa se van collendo forma.
+ Info
Bandcamp: siraeorobot.bandcamp.com
Vimeo: vimeo.com/siraeorobot
YouTube: Sira e o Robot
Web: siraeorobot.wordpress.com
Twitter: twitter.com/SiraEORobot
Facebook: facebook.com/sira.e.o.robot
Instagram: sira.e.o.robot
Soundcloud: Sira e o robot
ventriloquorum: ventriloquorum.com
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.