SINOPSE.
Uxía, filla de Tuto Vázquez e Mariajo Mosteiro, dous actores de teatro xa falecidos, ten curiosidade por saber como foron os anos nos que os seus pais percorrían Galicia representando funcións. Como xa non están, decide facer unha viaxe histórica e emocional a través dos compañeiros/as de profesión de Tuto e Mariajo e explorar así a historia do teatro galego daquela época.
O DOCUMENTAL.
Anos sesenta do pasado século. Un grupo de mozos e mozas de diferentes lugares do país comezan a interesarse polo teatro, un teatro totalmente amateur e en galego. Este é o comezo da nosa viaxe. Unha viaxe que percorre Uxía en busca do pasado dos seus pais.
A curiosidade de Uxía faina visitar teatros, auditorios, escolas de teatro ou locais de ensaios. Todo para que a xente que se dedicou ao teatro con Tuto e Mariajo lle conten como foi aquela época onde faltaba de todo pero sobraba ilusión e gañas de facer teatro.
O documental é unha homenaxe a esas persoas que dinamizaron o sector teatral, e a cultura en xeral, despois da postguerra en Galicia.
As persoas que interveñen no documental tiveron, xunto con outra moita xente, unha gran relevancia na evolución do teatro cara un profesionalismo que aínda hoxe non se acadou de todo.
Pola boca das doce persoas coas que Uxía conversa sairán anécdotas,denuncias, alegrías...dunha época na que non hai grandes estudios, nin bibliográficos nin, moito menos, audiovisuais.
Neste proxecto fúndense tres conceptos básicos: o teatro, a familia e a amizade.
Ademais desta volta ao pasado, Uxía convivirá un día de función con Eduardo Alonso e a compañía Teatro do Noroeste, podendo palpar como é unha xornada de representación, como o vive o director, os actores...
A QUÉ DESTINAREMOS AS VOSAS ACHEGAS
Nestes momentos estamos á espera de poder conseguir financiamento para gravar a práctica totalidade das secuencias.
Coas vosas achegas, alugaremos parte do material de gravación. Tamén estarán destinadas aos gastos de produción como gasolina, gastos xerais, materail funxible, adquisición de equipamento...
CALENDARIO
Temos previsto realizar unha roda de prensa a mediados do mes de febreiro para presentar o proxecto e poder lanzar a campaña do Crowdfunding. A principios do mes de abril comezaremos coa rodaxe do documental, a cal prolongarase ata o mes de maio.
Está previsto estrear o documental a última semana de setembro.
As recompensas entregaranse o día da estrea, agás a visita ao set de rodaxe e a proxección privada con coloquio final de parte do equipo técnico, os cales cocretaranse por email cos interesados/as.
DIRECTOR
Iago Vázquez
Director e produtor de curtametraxes. Tamén colaborou en documentais como "Koruño, legado de Hércules", o cal foi nomeado pola Academia Galega do Audiovisual (Mestre Mateo) ao mellor documental no ano 2011 ou "Indignados". Despois de pasar polo Máster de Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) da o salto á longametraxe documental con "O que hai que facer para non ir ao mar. Unha viaxe a través do teatro galego".
PROTAGONISTAS
Uxía Vázquez. Conductora do documental.
Agustín Vega. Actor e director.
Xosé Vilarelle. Actor.
Amparo Gómez. Actriz.
Elina Luaces. Actriz.
Luisa Merelas. Actriz.
Amalia Gómez. Actriz.
Manuel Lourenzo. Autor, director, actor e tradutor.
Santiago Fernández. Actor e director.
Miguel Pernas. Actor, autor, tradutor, director, adaptador e deseñador.
Eduardo Alonso. Director, actor, autor e iluminador.
Lino Braxe. Autor, director, actor.
Xulio Lago. Director, adaptador, actor, autor.
Enlaces do proxecto:
Páxina web
twitter.com/oquehaiquefacer
facebook.com/oquehaiquefacerparanoniraomar
[email protected]
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.